A cooperativa agrogandeira Xallas renovou por completo a
imaxe da súa tenda agraria converténdose na terceira cooperativa de Galicia que
transformou a súa antiga tenda agraria nun espazo comercial cunha imaxe
unificada baixo os criterios especificados por MERCARURAL.
O 8 de novembro tivo lugar en Santa Comba, a inauguración
oficial das novas instalacións que supuxeron un investimento de máis de 120.000
euros. Ao acto de apertura acudiron autoridades como José Álvarez Robledo,
director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural quen
destacou o cooperativismo como unha fórmula empresarial "
superaxeitada", sempre que alcancen o tamaño axeitado que o mercado esixe.
Neste sentido aludiu ás cooperativas do Norte de Europa que viron reducido o
seu número, grazas a procesos de fusión, unión ou integración o que as levou a
converterse en multinacionais con voz propia no mercado.
Participaron tamén o alcalde de Santa Comba, Antonio
Landeira quen felicitou a cooperativa pola iniciativa ao tempo que destacou a
súa relevancia como motor estratéxico da bisbarra; o xerente da cooperativa,
Antón Camarero, que afondou no cambio como algo máis que a adopción dunha imaxe
nova, máis moderna e práctica, destacando a profesionalización na xestión e o
gran reto que supón para os traballadores esta iniciativa.
O director xeral de DELAGRO, Carlos Castro ten manifestado o
seu orgullo polo entusiasmo e esforzo con que as cooperativas están a acoller e
apoia a implantación de MERCARURAL; subliñou o que supón como reforzo á
dignidade do medio rural favorecido por un comercio cunha imaxe axeitada, coidada
e sobre todo, profesional.
Ademais recordou que na actualidade, se está a traballar xa
en cinco implantacións máis en cooperativas de Galicia e Asturias, co obxectivo
de telas funcionando nos dous anos vindeiros. Felicitou ademais a cooperativa e
os seus traballadores polo grande esforzo realizado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario