martes, 22 de enero de 2013

Traballo promoverá este ano os programas destinados a xerar novos empregos no eido do cooperativismo

Odilo Martiñá durante a xornada celebrada no día de onte en Betanzos.

A Consellería de Traballo e Benestar promoverá este ano os programas destinados a xerar novos empregos no eido do cooperativismo. Así o avanzou hoxe o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, na inauguración en Ames dunha xornada na que se presentou a nova Oficina de Desenvolvemento Cooperativo da Fundación Feiraco.

Martiñá destacou que as cooperativas están a resultar unha boa alternativa de autoemprego colectivo para aquelas persoas que queren emprender un novo proxecto baseado nos valores de igualdade, axuda mutua e responsabilidade compartida. Explicou, ao respecto, que este feito reverte nun incremento no ritmo de creación de novas empresas de economía social en períodos de crise económica.

Así, expuxo que en Galicia o número de cooperativas activas a peche de 2012 creceu nun 3,13 por cento con respecto a 2009, chegando ás 1.152. Ademais, segundo os últimos datos, as cooperativas agrupan a 90.158 socios e socias e crean un total de 18.649 empregos vinculados de forma directa á economía social, o que supón case un 2 por cento da poboación ocupada.

No caso das sociedades laborais, Martiñá explicou que tamén aumentaron, tanto en número de persoas socias como de empresas. Entre 2009 e 2012 incrementáronse nun 8,62 por cento.

O director xeral de Traballo e Economía Social tamén resaltou a calidade do emprego das cooperativas. “Os principios cooperativos de xestión democrática, participación económica de socios e socias, intercooperación e interese pola comunidade conforman un modelo de xeración de riqueza que ten repercusión en Galicia”, apuntou.

Ante a resposta que as cooperativas están a dar fronte a crise, Martiñá lembrou “a gran aposta” que o Goberno galego está a facer para promover a posta en marcha desta fórmula de emprego. Neste senso, explicou que a Xunta está a potenciar as sinerxías que resultan da cooperación entre as distintas administracións e entidades co fin de estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo mediante oficinas de fomento cooperativo integradas na Rede Eusumo.

A Rede Eusumo, que puxo en marcha a Consellería de Traballo e Benestar, é un instrumento de acción descentralizada constituída por entidades sociais, administracións e outros organismos que comparten os obxectivos de traballar a favor do desenvolvemento cooperativo e da economía social.

Os dous obxectivos principais desta ferramenta son a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores de creación de emprego e a consolidación das cooperativas existentes mediante a mellora da súa competitividade.

En definitiva, a finalidade principal da creación das oficinas de fomento cooperativo é realizar actividades de promoción e fomento do cooperativismo dirixidas ao ámbito territorial da súa área de influencia, estimulando o autoemprego e o emprendemento cooperativo e apoiando a xeración de novos proxectos.

A xornada celebrada hoxe en Ames tamén contará con relatorios de persoas expertas en cooperativismo que presentarán as oportunidades que ofrecen as cooperativas, ao tempo que achegarán ao público o labor das unións cooperativas.

No hay comentarios: