martes, 22 de enero de 2013

Traballo organiza en Betanzos unha mostra e unha xornada sobre cooperativismo e emprendemento


O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou na pasada xornada unha exposición sobre o cooperativismo, que permanecerá aberta ata o xoves no Liceo Casino, en Betanzos (A Coruña). Esta mostra, organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, complétase coa xornada ‘Novas oportunidades de emprendemento no sector cooperativo’, tamén celebrada esta mañá.

O director xeral de Traballo e Economía Social inaugurou a xornada

As dúas iniciativas englóbanse nas actuacións da Rede Eusumo, unha rede de colaboración onde participan administracións locais, cooperativas e as súas asociacións, universidades e outros axentes, para unir e coordinar esforzos na promoción da economía social en todo o territorio galego.


Odilo Martiñá destacou que a exposición “ constitúe unha oportunidade única para promover esta opción empresarial e, polo tanto, para fomentar o cooperativismo como estratexia de creación de riqueza, emprego e benestar social”.

A Consellería de Traballo e Benestar aposta así por fomentar o cooperativismo para que as persoas emprendedoras, as que están en situación de desemprego e a cidadanía en xeral poidan coñecer as posibilidades que lles ofrece esta fórmula: sexa para a creación de novos empregos; para mellorar a marcha de negocios ou explotacións xa existentes; ou ben para facilitar o acceso a bens e servizos.

O director xeral de Traballo e Economía Social tamén inaugurou a xornada ‘Novas oportunidades para o emprendemento no sector cooperativo’ que terá lugar durante a mañá de hoxe.

Durante a xornada, expertos e técnicos en cooperativismo explicarán as características das cooperativas, os requisitos necesarios para a súa constitución e os seus obxectivos. Ademais, o subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social, Xoán Miguel Concheiro, presentará as oficinas de fomento cooperativo e a Rede Eusumo; mentres que o xefe do Servizo de Cooperativas e Economía Social, Manuel Pérez Losada, abordará o sector cooperativo galego e as novas oportunidades de emprendemento. Ademais, os asistentes poderán coñecer a experiencia das cooperativas LIMCO, Las Rías e COFAGA.

Rede Eusumo
A Rede Eusumo é unha estratexia de cooperación entre diferentes axentes, que promove actuacións para o fomento do cooperativismo e a economía social, entre as que se destaca o asesoramento e acompañamento de novos proxectos cooperativos ou de sociedades laborais, pero tamén outros como xornadas, obradoiros; mostra de experiencias exitosas, estudos de potencialidades locais, difusión do cooperativismo no ensino, etc.

Está promovida polo Consello Galego de Cooperativas, xunto con entidades de base cooperativa, e pretende estender o labor de promoción con dous obxectivos fundamentais. Por unha parte, a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores de creación de emprego. E, por outra, a consolidación das empresas de economía social existentes mediante a mellora da súa competitividade, achegando información e asesoramento especializado a desempregados, cooperativistas, emprendedores e cidadanía en xeral, e prestando especial atención aos procesos de acompañamento de proxectos.

No hay comentarios: