martes, 5 de febrero de 2013

A cooperativa de mariscadores chamarase finalmente Mareantes Ártabros


A cooperativa de mariscadores da ría de Ferrol chámase xa oficialmente Mareantes Ártabros. O nome non é o que se propuxo nun primeiro momento -Xentes do Mar de Ferrolterra- porque, ao parecer, segundo un dos promotores, o almacenista Ramón Martínez Lourido, xa estaba rexistrado.



A asemblea constituínte celebrouse o pasado venres no centro cívico de Neda e a esta acudiron uns 25 mariscadores da ría que xa son, formalmente, socios da nova cooperativa, un proxecto en pendes co que pretenden mellorar tanto a xestión dos recursos coma a comercialización destes. Este é, aseguran, o principal problema do sector nestes momentos, ademais da contaminación microbiolóxica, e agravouse coa crise económica e os problemas do sistema de reinstalación implantado pola Consellería do Medio Rural edo Mar o ano pasado.

Martínez Lourido asegurou que na reunión se acordou establecer un prazo de 15 días para que os posibles interesados en sumarse á iniciativa poidan facelo. Dende que comezou a formularse a posibilidade de crear unha cooperativa de mariscadores na ría deFerrol -ata agora non existía ningunha-, os impulsores organizaron varias charlas cos responsables das tres confrarías, así como co presidente e o xerente da primeira organización destas características en Galicia, a Ría de Arosa.

A cooperativa terá a súa sede no concello de Neda, posto que, como sinalou Martínez Lourido, ese goberno local os apoiou dende o primeiro momento.





No hay comentarios: