lunes, 4 de febrero de 2013

Traballo organiza unha mostra en Portomarín para promover o cooperativismo como estratexia de xeración de emprego


Esta actividade intégrase na Rede Eusumo, unha estratexia de cooperación entre diferentes axentes públicos e asociativos.

A exposición, que permanecerá aberta ata o vindeiro 8 de febreiro na Casa de Cultura de Portomarín (Rúa Ánxel Casal, s/n), fai un recorrido polos elementos claves do modelo cooperativo.

En Galicia existen un total de 1.152 cooperativas que agrupan a 90.158 socios e socias e crean un total de 18.649 postos de traballo.

A mancomunidade Camiño Francés conta na actualidade cun total de 16 cooperativas postas en marcha, a maioría do sector agrogandeiro.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pon en marcha en Portomarín a exposición ‘Descubre as cooperativas’. Esta actividade intégrase na Rede Eusumo, unha estratexia de cooperación entre diferentes axentes públicos e asociativos orientada ao fomento do cooperativismo e a economía social dirixida á xeración de emprego, e que conta co apoio do Fondo Social Europeo.

A exposición ‘Descubre as cooperativas’ presenta as potencialidades e solucións que ofrecen as cooperativas como un modelo empresarial que pola súa versatilidade e capacidade de adaptación está demostrando ser capaz de manter e crear empregos na actual situación de crise económica.

A mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro 8 de febreiro na Casa de Cultura de Portomarín (Rúa Ánxel Casal, s/n), fai un recorrido polos elementos claves do modelo cooperativo: que son, que tipos de cooperativas hai, como funcionan, cales son os valores que defenden, que pasos dar ou que apoios existen para impulsar o emprendemento cooperativo. Ao longo de algo máis de 100 metros cadrados, os visitantes poderán achegarse ao cooperativismo agrario, ao autoemprego cooperativo, ou mesmo comprobar se teñen 'madeira de cooperativistas', nunha exposición marcada polo seu carácter interactivo e dinámico.

En Galicia existen un total de 1.152 cooperativas que agrupan a 90.158 socios e socias e crean un total de 18.649 postos de traballo, entre directos e indirectos, o que supón case un 2% da poboación ocupada.

A Oficina de Fomento Cooperativo da Mancomunidade Camiño Francés, co apoio da Consellería de Traballo e Benestar e co financiamento do Fondo Social Europeo, desenvolve unha forte actividade de difusión do cooperativismo, no marco da Rede Eusumo, nos concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, O Pino, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín e Samos. A mancomunidade Camiño Francés conta na actualidade cun total de 16 cooperativas postas en marcha, a maioría do sector agrogandeiro.

O ritmo de creación de novas cooperativas acelérase nos contextos de dificultade económica: as cooperativas ofrecen unha alternativa de autoemprego colectivo moi atractiva para aqueles traballadores e traballadoras que teñen unha idea empresarial viable e queren levala adiante cuns valores de igualdade, axuda mutua e responsabilidade compartida.

Despois de ser inaugurada en Santiago de Compostela e de visitar Betanzos, Ordes e Portomarín, a exposición sobre o cooperativismo achegarase a outras cidades e vilas de Galicia co obxectivo de promover e divulgar a fórmula cooperativa como unha opción de futuro para emprendedores e público en xeral. En total, estará en 37 localidades de toda Galicia.





No hay comentarios: