martes, 26 de febrero de 2013

A mostra ‘Descubre as cooperativas’ promoverá esta fórmula empresarial en Celanova a partir de hoxe


A exposición que está a promover a Consellería de Traballo e Benestar para divulgar e impulsar o cooperativismo na comunidade autónoma chega hoxe á localidade ourensá de Celanova. A mostra estará situada ata o próximo 1 de marzo no auditorio municipal Ilduara, emprazado na rúa do Cercado, s/n.

A exposición “Descubre as cooperativas” percorrerá un total de 37 localidades galegas e intégrase dentro da Rede Eusumo, unha estratexia de cooperación entre os axentes públicos e asociativos orientada ao fomento do cooperativismo e economía social como fórmula de xeración de emprego.

Este proxecto ten como finalidade presentar as potencialidades e solucións que ofrecen as cooperativas, que están a demostrar a súa capacidade de manter e crear empregos na actual crise económica.

Así, na mostra faise un percorrido polos elementos clave do modelo cooperativo: que son, que tipos hai, como funcionan, cales son os valores que defenden, que pasos dar para crealas ou que apoios existen.

Os visitantes poderán achegarse deste xeito ao cooperativismo agrario, ao autoemprego cooperativo, ou mesmo comprobar se teñen “madeira de cooperativistas” a través dunha exposición marcada polo seu carácter interactivo e dinámico.


Por outra banda, é preciso lembrar que a Oficina de Fomento Cooperativo da Mancomunidade de Celanova, co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, e co financiamento do Fondo Social Europeo, desenvolve unha forte actividade de difusión do cooperativismo, no marco da Rede Eusumo, no ámbito dos concellos de A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.

No contexto de crise económica, as cooperativas destrúen menos empregos que outras tipoloxías empresariais e, ademais, o seu ritmo de creación acelérase en contextos de dificultade económica xa que ofrecen unha alternativa de autoemprego colectivo para aqueles traballadores e traballadoras que teñen unha idea empresarial viable e que queren levala a cabo cuns valores de igualdade, axuda mutua e responsabilidade compartida.

En Galicia existen un total de 1.152 cooperativas que agrupan a 90.158 socios e socias e crean un total de 18.649 postos de traballo, entre directos e indirectos, o que supón case un 2% da poboación ocupada. Das 1..152 cooperativas de Galicia, un total de 171 están emprazadas na provincia da Ourense.



No hay comentarios: