miércoles, 13 de febrero de 2013

Martiñá destaca que o emprendemento e a economía social son as fórmulas que máis están a resistir fronte á crise


O emprendemento e a economía social son as fórmulas empresariais que mellor comportamento están a ter fronte á crise económica. Así o destacou hoxe o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, na clausura dos programas de creación e consolidación de empresas e formación de emprendedores no comercio da Cámara de Comercio de Santiago.

Martiña, que ademais participou na entrega de diplomas aos alumnos, ratificou o apoio “firme e decidido” da Xunta a este colectivo, xa que lembrou que é o motor que precisa Galicia para “a dinamización económica e a xeración de emprego”. Neste senso, avanzou que os orzamentos da Administración autonómica para 2013 inclúen un incremento dun 1 por cento para as axudas a este colectivo chegando, desta maneira, aos 25 millóns de euros. Lembrou que ao longo da pasada lexislatura investíronse desde a Xunta un total de 122 millóns de euros para apoiar a actividade de 18.000 autónomos e emprendedores.

“Os autónomos e emprendedores son un colectivo prioritario para o Goberno galego porque son imprescindibles para afrontar a saída da crise e iniciar a senda do crecemento”, sinalou.


Ademais do apoio económico, Martiñá apuntou que a Xunta tamén fixará un marco legal que se axuste á realidade e á verdadeira dimensión social dos traballadores autónomos. Así, destacou que a Xunta elaborará a primeira normativa que dará cobertura e apoio aos emprendedores na historia de Galicia. Será a Lei de Fomento do Emprendemento que terá como finalidade primordial incentivar a creación e implantación de empresas.

“Xa no proxecto de orzamentos para 2013 aparecen incentivos para os emprendedores, tanto no apoio directo, como no ámbito fiscal”, subliñou Martiñá.

Así mesmo, resaltou que a nova normativa terá en conta as achegas dos propios autónomos e emprendedores e sentará “unha base sólida e establece” para ofrecer a este colectivo as máximas facilidades para desenvolver o seu labor.
O programa “Creación e Consolidación de Empresas e Formación de Emprendedores no Comercio” tivo unha duración nove semanas e estivo organizado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, o Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (INCYDE) e Novagalicia Banco.


O programa tivo como obxectivo prioritario proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado, facilitándolles a elaboración dun proxecto de empresa completo e contou co asesoramento do persoal técnico da Fundación Galicia Europa. O seu financiamento realizouse con cargo o Fondo Social Europeo nun 80% e a fondos propios da Fundación no 20% restante, ascendendo a un total de 45.000 Euros. Por parte da Fundación asistiu ao acto de entrega de diplomas o subdirector xeral de Relacións coa UE, Santiago Álvarez.



No hay comentarios: