A Consellería do Medio Rural e do
Mar destina preto de 3 millóns de euros á implantación, mantemento e mellora de
soutos de castiñeiros nos orzamentos deste ano. Así o destacou hoxe no Centro
de Investigación Forestal de Lourizán a titular deste departamento, Rosa
Quintana, durante a clausura dos resultados do proxecto FEADER “Cambio da
estrutura varietal dos soutos para revalorizar a produción da IXP Castaña de
Galicia”.
Acompañada polo delegado
territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo secretario
xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, a conselleira sinalou que
un dos principais eixos do Plan de Valorización do Monte Galego que leva a cabo
o seu departamento é aumentar o valor primario e engadido dos produtos forestais,
destacando os soutos de castiñeiros. Así, recordou que Galicia conta cunha
superficie forestal de dous millóns de hectáreas e que un dos seus
aproveitamentos xira arredor do sector da castaña, producindo entre 15.000 e
25.000 toneladas deste produto e xerando preto de 30 millóns de euros anuais.
A titular de Medio Rural e Mar
sinalou ademais que a Lei de Montes contempla medidas concretas para o
favorecemento da implantación e posta en produción de terreos dedicados á
produción de castaña en Galicia. De feito, destacou, instrumenta a posibilidade
de que a administración forestal poida impulsar e crear outras mesas sectoriais
-ademais da da madeira- para o fomento, a promoción e mellora dos produtos
forestais, e nese sentido, a Consellería de Medio Rural e do Mar pretende crear
a Mesa da Castaña, que será a segunda Mesa de produto forestal que se cree na
nosa Comunidade. O obxectivo desta iniciativa é establecer un foro continuado
de diálogo e traballo que aglutine aos principais axentes relacionados coa castaña
en Galicia.
Rosa Quintana explicou que, sendo
a nosa Comunidade unha potencia na elaboración e comercialización de castañas
-producimos máis da metade da castaña de España-, este sector precisa
especializarse e para iso ten que conseguir un produto homoxéneo, con
características definidas e suficientes. Neste contexto enmárcase o proxecto
que hoxe se presentou e que contou cun investimento de 107.600 euros, do cal o
25% foi financiado pola Consellería.
Estudo
O estudo prioriza as variedades
de castaña que maior beneficio reportan aos axentes implicados (así como os
seus polinizadores), xa que debido ás moitas variedades existentes nun mesmo
souto -entre tres e cinco-, os lotes comerciais da castaña galega non son
homoxéneos, pois varían moito no tocante a forma, calibre, pelado, dureza.
Ademais de seleccionar as mellores variedades, o estudo recolle a
adaptabilidade das mesmas en diferentes zonas da Indicación Xeográfica
Protexida da Castaña de Galicia para comprobar se os diferentes factores -tales
como as xeadas de primavera, as temperaturas ou a seca estival- poden ser
limitantes á hora do seu cultivo.
O propio Centro de Investigación
Forestal de Lourizán realizou a caracterización in situ de 70 variedades, das
cales 8 delas foron escollidas pola súa calidade produtora e son: Amarelante,
De Parede, Famosa, Garrida, Longal, Negral, Ventura, Xudía. Por outra banda,
outras catro variedades -Negral, Picona, Serodia e Rapada- foron seleccionadas
como boas polinizadoras. Ademais, coa finalidade de garantir a identidade
varietal nas novas plantacións solicitouse a inclusión de 16 variedades no
Rexistro de Variedades Comerciais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e
Medio Ambiente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario