Máis de 5.000 persoas achegáronse ata o momento á exposición
da Xunta ‘Descobre as cooperativas’ que mostra de primeira man as oportunidades
que ofertan as cooperativas como ferramentas para crear emprego, mellorar a
economía social dunha rexión e xerar benestar. Ata o de agora, esta iniciativa
da Consellería de Traballo e Benestar xa percorreu 12 vilas galegas. Despois de
ser inaugurada en Santiago, desprazouse ata Betanzos, Ordes, Portomarín, Lugo,
Celanova, Boimorto, Rianxo, Ourense, Pobra de Trives, Verín, Nogueira de Ramuín
e Sarria.
Esta actividade rematará en maio despois de visitar un total
de 37 localidades. Así, os próximos emprazamentos onde estará a exposición
serán: Terra de Trasancos; Xinzo de Limia; Fundación Coren; Centro de
Desenvolvemento de Cooperación Transfronteiriza de Verín; a Mancomunidade de
Vigo; os campus de Santiago, Vigo, Elviña, Ourense, Ferrol e Lugo; a Cámara de
Comercio de Vigo; a Agrupación Calvos de Randín; Curtis; e a Caixa Rural de
Lugo.
A mostra permanece aberta en cada localidade unha media de
catro días, nos que se realiza unha labor de difusión e de dar a coñecer as
características das cooperativas como unha alternativa para crear emprego e
xerar riqueza económica na rexión.
Con esta actuación, a Consellería de Traballo e Benestar
está promover esta opción empresarial, ao tempo que fomenta o cooperativismo como
estratexia de creación de riqueza en Galicia.
A mostra está a espertar un especial interese entre aquelas
persoas que contan cunha idea empresarial viable e entre os estudantes de
Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional.
Ao longo de máis de 100 metros cadrados de paneis
informativos e 8 monitores interactivos, os visitantes puideron constatar que
son as cooperativas, os tipos que existen, como funcionan, cales son os seus
valores e que pasos son necesarios dar para crealas, así como os apoios
institucionais que existen.
A exposición intégrase na Rede Eusumo, unha estratexia de
cooperación entre diferntes axentes públicos e asociativos orientada ao fomento
do cooperativismo e a economía social como estratexia de xeración de emprego. É
unha rede que conta co apoio do Fondo Social Europeo.
En Galicia existen na actualidade un total de 1.152
cooperativas que agrupan a 90.158 socios e socias e crean un total de 18.649
postos de traballo, entre directos e indirectos, o que supón case un 2 por
cento da poboación ocupada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario