jueves, 25 de abril de 2013

A Xunta dedicará este ano 138 millóns a axudas para combater o paro


Coincidindo coa difusión da enquisa de poboación activa (EPA) relativa ao primeiro trimestre do 2013, que cifra os parados galegos nun récord de 287.400, o Conselo da Xunta deu luz verde esta mañá a un informe recompilatorio de todas as axudas para o fomento do emprego que a Administración autonómica mobilizará este ano. En global, suman 138 millóns de euros distribuídos en 28 ordes, segundo datos facilitados en rolda de prensa polo xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijoo.

Ao termo da reunión semanal do seu Gabinete, o mandatario popular estimou en 37.500 as persoas que ao longo do exercicio poderán acollerse a algunha das iniciativas do programa de loita contra o paro. Esas contas inclúen, entre outros, beneficiarios de fondos de formación, de apoios a emprendedores, de impulsos ao cooperativismo e de incentivos para a dinamización do mercado laboral vía contratación directa.

Feijoo, en cumprimento dun compromiso adquirido durante o seu debate de investidura, a finais de novembro pasado, anunciou tamén o lanzamento de subvencións para que os autónomos creen postos de traballo. Así, para incorporar a un primeiro asalariado, recibirán entre 4.000 e 6.000 euros, e -aquí a gran novidade- para fichar a segundos e terceiros, dende 5.000 ata 7.000.

Na súa intervención, o presidente da Xunta admitiu sen ambaxes que o paro é o principal problema da comunidade, «ou desemprego masivo», se ben non deixou de caer nunha das súas tentacións favoritas, a de contrapoñer as cifras da autonomía que goberna coas do resto. Aí, os números sáenlle a gañar: a taxa de desemprego de Galicia (22,35 por cento) contrasta tanto coa doutras rexións (o 36,87 por cento de Andalucía, por exemplo) como coa media española, que o Instituto Nacional de Estatística sitúa nos 27,16 puntos porcentuais.

«Temos que intentar reactivar xa un mercado laboral do que, despois dá EPA de hoxe, seguimos vendo a súa debilidade», recoñeceu, non obstante, o líder do PPdeG. «Asistimos a un momento -abundou- de extraordinaria dificultade económica».


No hay comentarios: