martes, 30 de abril de 2013

O emprendemento social e a seguridade informática, novidades nos cursos de verán da facultade de Económicas de Vigo


O emprendemento no ámbito da economía social (cooperativas, fundacións, ONG, etcétera) e a seguridade informática son as novidades na oferta de cursos da Universidade para este verán. A matrícula permanecerá aberta dende o 16 de maio ata 10 días antes do inicio de cada programa e as taxas, que oscilan entre os 20 e os 85 euros, contemplan descontos do 50% e o 25% para estudantes e membros da comunidade universitaria, respectivamente.

O curso sobre emprendemento social desenvolverase a finais de setembro na Facultade de Económicas e pretende espertar "inquietude e iniciativas" empresariais entre os estudantes e demais cidadáns.

As clases serán impartidas por profesores da Universidade, así como por representantes da Administración e de iniciativas vinculadas á economía social, onde a rendibilidade está unida á responsabilidade social e a solidariedade.

O Edificio Fundición acollerá en xuño un curso sobre seguridade informática que contará con expertos do ámbito da investigación e a avogacía. Tamén asistirán o maxistrado da Audiencia Nacional Eloy Velasco e o profesor da Universidade de Cádiz e exdirector da Axencia de Protección de Datos de Madrid, Antonio Troncoso.

O curso pretende informar os alumnos sobre os principais instrumentos tecnolóxicos e legais para protexer a información e a privacidade na rede. E ademais busca formar futuros especialistas.

A oferta estival complétase cos cursos sobre xestión de explotacións acuícolas, urxencias cardiovasculares, primeiros auxilios, termalismo -que se desenvolverá en balnearios de Ourense e Lugo-, desigualdade e patrimonio natural e cultural do Bierzo, que terá lugar, na bisbarra leonesa.

No hay comentarios: