miércoles, 12 de junio de 2013

Lourenzá impulsa a creación dunha cooperativa para vender faba

Tras conseguir dar a coñecer e consolidar o prestixio da faba que se produce na bisbarra, que goza dende fai xa tempo da IXP, o Concello de Lourenzá traballa agora para impulsar a creación dunha cooperativa de produtores que permita comercializar a leguminosa a un prezo acorde coa magnífica calidade que posúe.


A alcaldesa Emma Álvarez, que se mostra optimista en canto á consecución dese obxectivo, está a realizar xestións para axudar a levar a bo porto a empresa. Na entrevista mantida en Santiago con responsables das Consellerías de Medio Rural e Traballo conseguiu o compromiso da Xunta para achegar un técnico especializado que se desprazará a Lourenzá para estudar a viabilidade desta cooperativa e contactar con socios que queiran poñela en marcha.

No Rexistro de fabeiros do Concello de Lourenzá figuran máis de 300 produtores da bisbarra inscritos, que poderían ser membros desta empresa. A rexedora apuntaba a enorme vantaxe que supoñería unirse para comercializar en conxunto a faba. A unión de todos garantiría un volume de produción capaz de cubrir a subministración e de atender a demanda que se xere e que de xeito individual é imposible de satisfacer. E axudaría tamén moito á hora de fixar prezos.

Ademais, dende a Xunta informárono da liña de axudas que van saír para consolidar cooperativas, incorporando socios e traballadores, que axudarían a cubrir os gastos do primeiro ano de funcionamento dunha cooperativa. A rexedora confía en ter listo o traballo de campo en prazo para poder acollerse a estas axudas, de maneira que a cooperativa poida arrancar con esa subvención.

No hay comentarios: