jueves, 6 de junio de 2013

Salimat acollerá unha gran área de produtos ecolóxicos, na que participará a Sociedade Cooperativa Biocoop

O 17º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2013, o cal terá lugar do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia, acollerá como novidade unha grande área monográfica de alimentos ecolóxicos que combinará exposición e degustación de produtos con numerosas actividades relacionadas.


O obxectivo deste espazo, coorganizado coa empresa Fogar do Santiso, é dinamizar o sector, informar sobre a importancia da agricultura ecolóxica, fortalecer e crear sinerxías dentro da cadea de alimentación ecolóxica.

Nel reuniranse os sectores primario, secundario e terciario implicados, levándose a cabo accións de grande interese. Así, esta área contará cun restaurante exclusivo de comida ecolóxica onde se poderán degustar produtos tanto galegos como doutras comunidades autónomas, ao tempo que acollerá unha cata-maridaxe de viños ecolóxicos de diferentes Denominacións de Orixe dirixida a profesionais e talleres de cociña para nenos.

Por outra parte, levarase a cabo unha charla técnica enfocada aos profesionais da agricultura ecolóxica, por conta do director técnico do CRAEGA, Ernesto Sánchez Delgado. E tamén, baixo o título "A colaboración como estratexia para o sector agroecológico", contarase cun foro participativo que ten como fin analizar as fortalezas e debilidades do sector e fomentar alianzas entre os seus diversos axentes, o cal estará dirixido polos consultores de "responsabilidade social corporativa" para peme Mercedes Fernández e Tito Diéguez.

Espectáculo cooking e microspeechs


Este programa de actividades protagonizado pola alimentación ecolóxica pecharase cun Espectáculo Cooking centrado na cociña de produtos ecolóxicos na brasa, no que participarán Fogar do Santiso, a cooperativa de produción de carnes de tenreira de razas autóctonas galegas Biocoop e a empresa de fornos brasa Josper.


Ademais, todas as tardes as empresas interesadas poderán presentar produtos e proxectos a través de microspeechs, co fin de crear acordos de negocio.


No hay comentarios: