A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da
Consellería de Traballo e Benestar, coa colaboración da Consellería de Medio
Rural e do Mar, está a promover a constitución da primeira cooperativa
especializada na comercialización da faba amparada baixo a Indicación
Xeográfica Protexida ‘Faba de Lourenzá’ e outros produtos de horta da comarca
da Mariña lucense.
Na actualidade, a produción e comercialización da faba da
zona estase a desenvolver dun xeito individualizado. Trátase de motivar aos
produtores para que aposten por realizar a súa actividade dun xeito regulado e
profesionalizado baixo a fórmula empresarial cooperativa.
No transcurso desta acción promocional, representantes de
AGACA desprazaranse este luns ata Ribadeo e o martes ata Alfoz e Lourenzá para
manter reunións directas cos produtores e explicar os pasos técnicos a seguir
na constitución dunha cooperativa deste tipo.
En total, entre 2009 e ata o de agora, constituíronse na
Comunidade autónoma 224 iniciativas deste tipo, das que 33, cun total de 197
socios, naceron no primeiro semestre deste ano. Galicia conta na actualidade
con preto de 1.200 cooperativas que aglutinan a máis de 90.000 socios e crean
máis de 18.000 postos de traballo.
fonte: Xunta de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario