Máis de 100 empresas recibiron o ano pasado 26 millóns de euros en axudas para a transformación e comercialización de produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Así o adiantou esta mañá no Grove a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, nunha visita ás instalacións da Sociedade Cooperativa do sector mexilloeiro Amegrove, unha das empresas beneficiarias destas subvencións.
Rosa Quintana destacou que o importe destas achegas foi máis do dobre do destinado no ano 2013 polo mesmo concepto. Tamén explicou que o número de empresas beneficiarias destas subvencións incrementouse nun 30% respecto das que recibiron a axuda no 2013. Estes datos amosan a aposta decidida da Xunta por potenciar a competitividade no sector procesador galego, promovendo así o desenvolvemento económico, social e produtivo da nosa comunidade co fin de mellorar o benestar dos profesionais do mar.
A conselleira tamén fixo fincapé no aumento xeneralizado da produción de mexillón. Neste sentido, sinalou que as descargas deste molusco medraron máis dun 34% o ano pasado con respecto ao 2013, aumentando tamén a facturación en máis dun 37% neste período. Tamén se referiu á produción do Grupo Amegrove e destacou o aumento nun 74% da súa produción de mexillón no 2014 fronte ao ano, anterior incrementando a facturación en máis dun 56%.
Gupo Amegrove
É unha sociedade cooperativa líder mundial no sector do mexillón ubicada na Ría de Arousa. Foi constituída por un grupo de concesionarios dedicados ao cultivo deste molusco que decidiron unirse para conseguir defender os seus intereses tanto económicos como comerciais, co fin de conseguir un afianzamento no mercado.
Amegrove realiza todas as fases do proceso no tratamento do mexillón, desde a fase de cultivo ata a comercialización xa que conta con infraestruturas propias para a depuración, control sanitario, selección de materia prima, depuración, comercialización e distribución.
fonte: Novas Xunta de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario