Monte Cabalar é unha cooperativa
de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600
propiedades de máis de 1.000 propietarios
nunha explotación gandeira en extensivo con máis de 700 ha de monte
fechadas nas parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto (concello de A
Estrada) co obxectivo de intervir sobre o abandono e o minifundio. Exponse unha
síntese do proceso social xerado a partir de marzo de 2006 que culminou positivamente na constitución da cooperativa coa participación
de máis de 330 soci@s, e na materialización do
proxecto: a experiencia dunha explotación silvopastoral en réxime
coooperativo.
Pequeno macizo granítico prelitoral no sudoeste
do municipio da Estrada (Pontevedra), delimitado ao norte polo río Ulla e ao
sul polo Umia na zona centro occidental de Galiza.
1. Primeiramente unha faixa
irregular, dos 350 aos 450/500 m, na que predominan formacións boscosas,
orixinariamente constituídas por bosques mixtos de piñeiro e frondosas
autóctonas, que na actualidade teñen ao eucalipto como especie dominante.
2. A partir dos 450 m, coincidindo coa metade
alta das abas, as chairas dos planaltos (>500 m) e os outeiros nos que xa
xorden afloramentos rochosos, aparece o monte raso desarborizado con matogueira
formada por comunidades de toxo.
Ten un clima hiperhúmido (cunha precipitación
anual acumulada de 1.900 mm) e tépedo (a temperatura media anual é de 12ºC) e
un período de actividade vexetal de 11 meses (só a media de xaneiro é inferior
a 7,5ºC). Solo granítico normalmente fondo (salvo os outeiros) e moi ácido
(necesita achegas de calcio e fósforo como nutrientes fundamentais), cunha alta
porcentaxe de materia orgánica que favorece a estruturación do mesmo.
Produción de
biomasa
É un monte, pois, con boas condicións
-altitude, clima e, en parte, solos- para a xestión forestal co obxectivo de
obter madeira de calidade, sobre todo nas abas, e cunha excelente facilidade
para empradizar e manter pastos a maior parte do ano. Nos solos máis
estruturados e fondos, a acumulación de biomasa aérea estimada en comunidades
de toxo pode chegar a 12 t/ha/ano durante os 4 primeiros anos.
Para os Modelos Estándares de Combustible (do
NFFDR, USA) a maior extensión do monte pertence ao modelo 4: comunidades
homoxéneas de toxo que a apartir de 5/ 6 anos acadan 2 m de altura e cargas que
poden superar 50 t/ha de materia seca.
Estrutura e réxime
de propiedade
A propiedade agraria caracterízase por un
minifundio con excesiva parcelación e xeneralización da titularidade, realidade
que tamén se estendeu á propiedade do monte.
O Cabalar era un monte en réxime de propiedade
comunal, entre 1870 e 1920, coincidindo coa loita antiforal, realízase un
proceso de partición que permite a privatización do comunal ampliando a base territorial
de cada explotación familiar e permitindo un aproveitamento máis intenso e
directo do monte.
Hoxe ten un réxime de pequenas propiedades
particulares: para as 600 ha estímanse 3.600 propiedades (cunha media de
superficie de 0,16 ha) de máis de 1.000 propietarios, dos cais,
aproximadamente, dous terzos son absentistas.
Produtos Monte Cabalar:
do noso monte á nosa mesa
Coa satisfacción de estar xestionando os recursos
dos montes, obteñen produtos cárnicos da máxima calidade que
comercializan coa súa marca propia en canles curtas, a través da venda
directa a socios ou na localidade, completando na práctica o ciclo do monte á
mesa nunha experiencia de soberanía alimentar.
Salchichón monte cabalar é o seu primeiro produto cárnico transformado
Un produto natural e exclusivo,
elaborado con carne magra de poldro (85%) e touciño de porco celta (15 %). É o seu primeiro produto transformado, pensado para valorizar os poldros do monte
e familiarizar ao consumidor cunha carne magra, branda e con alto contido en
proteína e ferro, que ten menos do 0,3% en graxa e máis do 24% dos ácidos
graxos son omega-3, polo que resulta imprescindíbel nunha dieta sá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario