martes, 4 de diciembre de 2012

As cooperativas de Galicia xeran xa 28.000 empregos

O cooperativismo, que conta xa con 80.000 socios na comunidade, converteuse nunha fórmula para facer fronte á crise, segundo a Consellería de Traballo e Benestar. O departamento que dirixe Beatriz Mato destacou que as 1.150 cooperativas existentes en Galicia xeran xa 28.000 postos de traballo directos e contan con 80.000 socios.

Odilo Martiñá, director xeral de Relacións Laborais, asegura que o cooperativismo se converteu nunha fórmula para facer fronte á crise polos seus modelos de financiamento e por ser unha fórmula máis flexible para adaptarse aos cambios. «Trátase de modelos que resisten mellor a crise», sostivo onte.

A Consellería de Traballo considera "proba do bo comportamento" desta fórmula de economía social a evolución que experimentou durante o pasado exercicio, período no que se constituíron 41 novas cooperativas en Galicia e o número de socios se duplicou en relación co ano anterior. O incremento consistiu en pasar de 715 a 1.562 individuos involucrados nalgún destes novos proxectos asociativos.

A cooperativa Os Irmandiños, fundada en Ribadeo en 1976 e que factura 30 millóns ao ano por servizos agrarios, recibiu, este ano, o premio á promoción do cooperativismo. Tamén foron galardoados Sonaxe (Boiro), Máis Galicia (A Coruña) e Nova Aseconia (Santiago).

No hay comentarios: