miércoles, 5 de diciembre de 2012

COFAGA, Cooperativa Farmacéutica Galega

COFAGA é a cooperativa farmacéutica máis antiga de Galicia. Dedicada á distribución de produtos farmacéuticos e parafarmacéuticos, acumula dende 1942 longos anos de historia nos que se posicionou como líder do seu sector na nosa rexión.



COFAGA, como cooperativa que é, busca beneficios económicos e de servizos para os seus socios, que son os donos da empresa, e, en consecuencia os perceptores finais dos éxitos. Actualmente son máis de 630 os socios, e un catálogo de referencias vivas con máis de 25.000 produtos que inclúen especialidades farmacéuticas e produtos de parafarmacia.
A distribución de medicamentos e produtos sanitarios ás oficinas de farmacia constitúe un importante elo para a garantía da calidade farmacéutica, ao asegurar que o produto posto no mercado mantén as características certificadas polo laboratorio, ademais de permitir un doado seguimento, retirada e control dos produtos que así o requiran.

Dende os seus almacéns da Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol, COFAGA atende a máis de 630 socios, cunha áxil rede de distribución que garante un mínimo de dous servizos diarios a cada unha das oficinas de farmacia rurais. A coordinación entre almacéns permite a todas as farmacias socias dispoñer dun servizo de cobertura das posibles faltas puntuais que poidan xurdir nun pedido e asegúralles estar cubertas polos seus catro almacéns. Ademais, COFAGA estableceu acordos con COFANO, COFARLE, GABIAS e ZACOFARVA de tal maneira que os nosos socios poden pedir as súas faltas a estas cooperativas e COFAGA llelas envía ás súas farmacias.

COFAGA pertence ao grupo EDIFA "ESPAÑOLA DE DESENVOLVEMENTO E IMPULSO FARMACÉUTICO, S.A. " empresa de distribución de produtos farmacéuticos e parafarmacéuticos fundada no ano 1.995; constituída por 15 cooperativas repartidas ao longo do territorio español, distribuíndose a súa capital fundacional en proporción ao seu tamaño. É o 4º grupo de distribución a nivel nacional cunha cota de mercado do 10,8%. Se ben inicialmente o seu obxectivo era constituírse nunha central de compras, con posterioridade fóronse ampliando as súas áreas de actividade actuando como centro coordinador e innovador de novos servizos globais para as cooperativas e a industria. O Consello de Administración de EDIFA está presidido dende o ano 2005 por D. Miguel Reviejo Ares, quen é á vez presidente do Consello Reitor de COFAGA.

Para realizar estas tarefas COFAGA posúe unha robotización de última tecnoloxía, consistente en distintos tipos de autómatas e un sistema de radiofrecuencia que permite elaborar os pedidos sen papel.

COFAGA ten un persoal fixo de 125 persoas e dela dependen como emprego indirecto unhas 50 persoas, entre transportistas, persoal de limpeza, asesores externos de informática, fiscal, laboral e mercantil, en definitiva, un equipo humano altamente cualificado para garantir un servizo de calidade ás oficinas de farmacia.

O Consello Reitor, presidido por D. Miguel Reviejo Ares, está formado por nove membros, mentres que a Dirección, encabezada polo Director Xeral, D. José Ramón López Suárez, está constituída por tres farmacéuticos.

COFAGA dispón do certificado UNE-ISO 9001 dende o ano 2002. Este feito instalou a COFAGA na vangarda do sector da distribución farmacéutica, ao converterse na primeira empresa da nosa comunidade en obter a devandita distinción e das primeiras a nivel nacional.

En COFAGA considerase prioritaria a satisfacción dos seus socios, polo que todas as suas actuacións están centradas en ofrecer máis e mellores servizos ás oficinas de farmacia. COFAGA SERVIZOS encárgase de ofrecerlle solucións para as necesidades da súa farmacia: equipamentos para oficinas de farmacia e laboratorio, programas informáticos, publicacións, acordos con compañías aseguradoras e convenios con bancos e caixas, viaxes, cursos e ofertas gastronómicas que COFAGA ofrece aos seus socios.


No hay comentarios: