miércoles, 12 de diciembre de 2012

Pedro López Espiño defende o cooperativismo na construción.

«O mesmo piso custa 180.000 euros nunha cooperativa e 280.000 nunha promotora». Defende a calidade e o prezo das vivendas promovidas por cooperativas.

Pedro López Espiño non morde a lingua. Policía retirado, hoxe dedícase por enteiro á cooperativa Parque Ofimático, onde espera levantar un edificio como xa fixo outras veces, en Eirís ou en Catro Camiños.


- ¿Que é unha cooperativa de vivendas?

- A finalidade principal deste tipo de cooperativas é a adquisición dunha vivenda a estrito prezo de custo, sendo a ausencia de ánimo de lucro a nota característica dunha cooperativa de vivendas.

- Prezo á parte, ¿con que calidades se traballa?

- As mellores, pois son os cooperativistas os que inflúen na calidade dos inmobles, sempre e cando a xestión do consello reitor da cooperativa se realice con verdadeira profesionalidade, austeridade, rigor e transparencia.

- ¿Cales son as funcións dese consello reitor?

- Dende a compra do soar, pasando por contratar e controlar organismos de control técnico, proxectos, licenzas de obra, de instalacións, de primeira ocupación, adxudicacións, inscricións rexistrais, financiamento, contratos de execución de obras, prazos, prezos, garantías..., ata chegar á entrega definitiva das vivendas.

- ¿Que son as xestoras de cooperativas?

- Suponse que deberían ser unhas sociedades mercantís que prestasen os seus servizos de xestión e asesoramento á cooperativa; non obstante, moitas veces a realidade é moi distinta, xa que a maioría delas enganan os socios cooperativistas, ocultándolles que detrás desas xestoras existen sempre as promotoras.

- ¿Que diferenzas económicas existen entre vivendas promovidas por unha cooperativa con outras adquiridas a calquera promotor?

- A diferenza é substancial, xa que tomando como referencia unha vivenda de tres dormitorios de 90 metros cadrados útiles, podemos estimar esa diferenza nun 50%. Unha vivenda desas características coa súa correspondente praza de garaxe e rocho que promove esta cooperativa no Parque Ofimático terá un custo medio de 180.000 euros; mentres que ese mesmo inmoble vendido por unha promoción privada o prezo estaría en torno aos 280.000 euros.

- ¿Existen diferenzas entre o inmoble que promove esta cooperativa de vivendas libres e outros que promoven outras cooperativas no mesmo ámbito do Parque Ofimático de VPA?

- Si que existen. Unha delas é o custo do chan, xa que a vivenda libre ten unha repercusión de 77.000 euros por vivenda, mentres que o prezo das vivendas de VPA a adquisición do chan tivo unha repercusión de 28.000 euros por inmoble. Non obstante, paradoxalmente, o custo final de cada vivenda é moi similar, dado que esa diferenza de 49.000 se compensa ao longo do proceso por dúas circunstancias. Por un lado, a cooperativa Parque Ofimático, que é unha promotora de vivendas libres, realiza todas as xestións do proceso, mentres que as cooperativas de VPA encargaron eses labores a diferentes xestoras, as cales xa fixaron de antemán o custo final de entrega.

- Falando de prezos, ¿por que dunha forma xeneralizada nestes últimos tempos a adquisición dunha vivenda ten un prezo tan alto?

- Concorren diversas circunstancias. Por un lado, o elevado custo do chan, sen perspectivas de abaratamento debido a que a maioría do chan está gravado con hipotecas difíciles de asumir. Por outro lado, a mala xestión, tanto na urbanización de polígonos, coma na construción dos edificios, tanto nos tempos coma nas formas. Tamén hai que ter en conta os elevados beneficios dos promotores. Ademais, existe demora en tramitar as solicitudes por parte das administracións ou polas intermediacións.

No hay comentarios: