As cooperativas no sector agrario contribúen a reforzar o
peso dos produtores na cadea agroalimentaria e axudan a frear a volatilidade
dos prezos, que mesmo poden aumentar, segundo un informe publicado este xoves
pola Comisión Europea.
Bruxelas examinou o papel das cooperativas no sector agrícola e gandeiro a
petición do Parlamento Europeo, que prepara un proxecto piloto para apoiar este
tipo de agrupacións. O obxectivo é ofrecer aos produtores información útil
sobre como organizarse en cooperativas para que poidan contar cun mercado de
"renda sólida".
O estudo conclúe que cando as cooperativas contan cunha importante cota de
mercado nun sector concreto nun Estado membro se pode conseguir que "os
prezos suban e se reduza a volatilidade" destes. Tamén son importantes
para "reducir os riscos de mercado", di o documento, en especial no
que se refire ao pagamento das entregas.
Mesmo os agricultores que non forman parte dunha cooperativa se benefician dos
efectos positivos que estas organizacións teñen sobre o mercado, segundo apunta
o Executivo comunitario no seu informe.
Os expertos comunitarios tamén recollen nas súas conclusións o peso que gañan
os agricultores na súa relación coas grandes superficies cando están
organizados en cooperativas, fronte ao "desequilibrio de poderes" que
tradicionalmente se ve na cadea agroalimentaria.
Aínda que consideran que ese peso segue sendo "limitado" e apostan
por maiores alianzas entre cooperativas para mellorar esta situación, ao tempo
que piden que as medidas de apoio e a definición legal de organizacións de
produtores non discriminen as grandes cooperativas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario