lunes, 4 de marzo de 2013

Emprender en feminino: Cooperativas rurais de servizos de proximidade


O pasado mes de xaneiro celebraron o seu sexto encontro nacional, un espazo para compartir experiencias e coñecementos sobre as oportunidades do cooperativismo como saída profesional no medio rural. Uns días nos que traballar na motivación para a consolidación e crecemento de cooperativas.


As participantes nesta cita son mulleres emprendedoras dos pobos que puxeron en marcha, con moito sacrificio pero tamén con moita ilusión, "Cooperativas rurais de servizos sociais de proximidade".


Trátase dun proxecto que leva funcionando seis anos, da man da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), onde esta organización pon a base formativa e o apoio moral e as mulleres engaden o resto: ilusión, ganas de traballar, de buscarse a vida e de negarse a seguir vivindo nos seus pobos sen sentirse realizada ou a ter que marchar deles para conseguilo.

Con esta idea xa funcionan en España dez cooperativas en diferentes municipios, onde se puxo en marcha un verdadeiro modelo de desenvolvemento rural, de autoemprego, a través do cal se capacita as mulleres, se fixa poboación no medio rural e se crean servizos de proximidade tan necesarios e escasos en moitos pobos.

Unha das primeiras cooperativas deste tipo que se puxo en marcha foi "Serviol", que comezou a súa andaina no ano 2007 na localidade pacense de Olivenza. Isi Álvarez, unha das precursoras do grupo formado por varias mulleres desempregadas do municipio, conta como "a nosa cooperativa é un verdadeiro proxecto de desenvolvemento rural, somos mulleres interesadas en traballar e que moitas veces nos encontramos nunha idade laboralmente complicada. Por iso formámonos e creamos esta cooperativa, xerando emprego e prestando servizos que ata agora non existían nos pobos,".

O punto de partida desta iniciativa foi a aprobación da Lei de Autonomía Persoal das Persoas Dependentes, de cuxa aplicación se desprendería a posibilidade de creación de numerosos postos de traballo, derivados da asistencia a persoas dependentes, neste caso, dos pequenos núcleos de poboación rural.

Por iso, Serviol foi unha das primeiras en ofertar este tipo de servizo no seu pobo, atendendo a persoas dependentes nos seus propios domicilios. Non obstante, a lentitude na aplicación da coñecida como "lei da dependencia", fixo evolucionar o traballo da cooperativa e as mulleres decidiron ofrecer tamén outros servizos como os de limpeza, que despois se ampliaron a outros como servizos de comedor, lavandaría, farmacia a domicilio, ludotecas, transporte, etc.


O seu exemplo foi seguido por outro grupo de mulleres estremeñas, neste caso, de Alburquerque (Badaxoz). Dende 2008 Loli, Conchi e Mª José, entre outras compañeiras, forman parte de "Seralbu", outra cooperativa de servizos rurais de proximidade que, dende os seus inicios non parou de traballar duro e de sortear obstáculos para chegar a ofrecer un servizo de calidade e que supuxo a creación de numerosos postos de traballo na súa bisbarra, entre eles os das propias integrantes da cooperativa, que estaban no paro. Agora contan co seu propio negocio na súa mesma localidade de residencia.

Os principais servizos que presta Seralbu son os derivados da posta en marcha da citada lei da dependencia, así como servizos de limpeza de oficinas e locais e servizo de cociña.

Este empeño valeulles ás integrantes de Seralbu a consecución do premio "Orgullo Rural 2012", outorgado cada ano pola Fundación de Estudos Rurais a persoas ou colectivos que son exemplos de vida dos que viven e traballan no medio rural.


Pero a incipiente e prometedora carreira destas cooperativas rurais non remata aquí. Dende hai uns anos, FADEMUR está a apostar por un novo itinerario formativo que se suma ao que viñan desenvolvendo sobre capacitación de profesionais de axuda a domicilio, vinculado coa atención socio-sanitario de persoas dependentes no seu propio domicilio.

Agora outro grupo numeroso de mulleres rurais españolas recibiron e continúan recibindo cursos de operacións básicas de catering, de operacións básicas de cociña e de manipulación de alimentos, que está servindo para a posta en marcha de cooperativas de cociña.

A última aposta deste tipo que fixo a súa presentación pública foi a cooperativa "Som Cuina", da localidade de Sant Carles de la Rápita, en Tarragona. Está composta por catro mulleres que se encargan de recollen as demandas de servizos de comida a domicilio na súa bisbarra. Contan co asesoramento dunha nutricionista para a elaboración de menús destinados a persoas maiores, dependentes, colexios e gardarías. Tamén teñen como colaboradoras a un grupo de produtoras e agricultoras de Terres del Ebre, xa que outro dos obxectivos das cooperativas deste tipo é poñer en valor os produtos locais da zona relacionados coa agricultura e gandaría, así como revalorizar a gastronomía e os elementos relacionados con esta, como son o fomento de consumo de produtos locais agroalimentarios e de tempada.


Un último exemplo das mulleres que apostaron polo seu futuro creando este tipo de agrupacións para encontrar unha saída laboral nos seus pobos é o caso da cooperativa 'Lovepamur', formada por catro mulleres da bisbarra de Saldaña, en Palencia. Déixovos ademais este enlace a máis información da cooperativa "Lovepamur".

Estas Cooperativas Rurais de Servizos de Proximidade son verdadeiras iniciativas de economía social que responden á necesidade de crear emprego, de reforzar a cohesión social e a viabilidade das zonas rurais, así como a calidade de vida dos que as habitan.

Un empeño por dar cobertura ás necesidades locais e por favorecer a creación de postos de traballo para as mulleres nos pobos, xa que estas son as que teñen máis dificultades para incorporarse ao mercado de traballo. É unha fórmula, ademais, que permite fixar poboación nos pobos e favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos habitantes do medio rural.





No hay comentarios: