viernes, 19 de abril de 2013

A Ruta Cero da Fundación Cofares chega á Cociña Económica


Catro palés con alimentos para nenos e adultos, produtos de hixiene e de farmacia é a doazón da Fundación Cofares que recibiu esta mañá a Cociña Económica dentro da súa iniciativa solidaria Ruta Cero. Cofares, a maior cooperativa de distribución farmacéutica española e que conta con almacéns en Betanzos e Vigo, decidiu recoñecer así o labor desenvolvido pola entidade coruñesa.


O presidente da Cociña Económica, Alberto Martí, agradeceu o labor e modificou o slogan da cidade creado por Peñamaría del Llano para dicir «que A Coruña é unha «cidade na que ninguén se morre» de fame» debido á xenerosidade». Neste sentido, agradeceu as achegas dos 3.700 socios, un número que dixo que crece ao igual que as necesidades, e recordou que a institución leva 127 anos «navegando entre tempestades e sobrevive». Destacou que a súa política é non malgastar «nin un céntimo» e gabou o labor social levado a cabo polos farmacéuticos máis alá do seu quefacer profesional. «Eu compároos cos anxos da garda da humanidade, porque o médico non o podes entreter e quen a paga é o farmacético», comentou.

Ao acto de entrega tamén asistiu o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, que recoñeceu o labor desenvolvido pola Cociña Económica, da que dixo que dá unhas 2.000 comidas diarias, e que palia moitas necesidades. Así mesmo, desexou que a achega da Fundación Cofares sirva para que outros colexios profesionais actúen de similar xeito por «mimetismo».

Pola súa banda, a secretaria da Fundación Cofares, Soidade Moas, recoñeceu que o importante coas iniciativas solidarias non é tanto o que a entidade poden dar senón o que recibe, xa que se enriquece con cada proxecto no que toman parte. «O que traemos é efémero e o que nos levamos é para toda a vida», comentou.


No hay comentarios: