Publicado un novo informe sobre ‘A Economía Social na Unión
Europea‘, elaborado polo CIRIEC Internacional por encargo do CESE. O informe
supón unha actualización e ampliación do presentado polos mesmos autores hai
cinco anos, e para a súa realización ten contado coa rede de corresponsables do
CIRIEC-Internacional nos 27 países membros da Unión, coordinados por un Comité
de Expertos e a propia Comisión Científica que preside o profesor Chaves. O
estudo fai uso de tres obxectivos ou instrumentos intermedios: establece unha
definición clara e rigorosa da Economía Social como concepto, e das diferentes
clases de empresas e organizacións que a integran; determina os diferentes
axentes que, independentemente da súa forma xurídica, forman parte da economía
social de cada Estado membro da UE, e facilita datos macroeconómicos sobre o
sector nos 27 Estados membros e os dous países candidatos, analizando a forma
en que a economía social pode contribuír á aplicación da Estratexia Europea
2020.
Catorce millóns de empregos na UE e capacidade
extraordinaria de resistencia á crise
Entre as principais conclusións do estudo destaca que a
economía social emprega máis de 14 millóns de persoas na UE, o 6,5 do emprego
total. En España, a economía social xera 1,2 millóns de empregos directos, o
que equivale ao 6,74 do emprego total do país, porcentaxe algo por enriba do
europeo.
Así mesmo, entre as conclusións figura tamén que durante o
período 2008-2012, a economía social “demostrou unha capacidade extraordinaria”
para facer fronte ás consecuencias negativas do actual ciclo de depresión e
contribuír de forma significativa ás tres principais prioridades da Estratexia
Europea 2020: un crecemento intelixente, sostible e integrador. E engade: “A
innovación organizativa e social das empresas da economía social encóntrase
entre as razóns básicas da súa maior resistencia á destrución dos postos de
traballo e a inseguridade laboral. ”
A economía social no diálogo social: un desafío de gran
calado.
Por todo iso, segundo recolle o estudo, o recoñecemento da
economía social como interlocutor específico no diálogo social “constitúe un
desafío de gran calado“. Segundo os autores: “A economía social converteuse
nunha importante institución da sociedade civil que contribúe de forma significativa
á súa articulación e ao desenvolvemento da democracia participativa. Pero ao
mesmo tempo, constitúe un poderoso actor económico e social cuxas
características específicas non se axustan á clásica dicotomía de empregadores
– empregados”. Así, o estudo indica que xunto ás clásicas Mesas de negociación
colectiva, “deben propoñerse Mesas de diálogo social, máis acordes co novo
escenario económico, nas que se inclúa os axentes da Economía Social“.
En palabras de Luca Jahier, presidente do Grupo de Actividades
Diversas do CESE, “sen dúbida, a economía social constitúe un sector que
contribúe de xeito significativo á creación de emprego, ao crecemento sostible
e a unha distribución da renda e a riqueza máis xusta. Trátase dun sector capaz
de combinar a rendibilidade coa inclusión social e os sistemas democráticos de
goberno, que traballa xunto cos sectores público e privado para axustar os
servizos ás necesidades. Fundamentalmente, é un sector que capeou a crise
económica moito mellor que outros e que gaña un recoñecemento cada vez maior a
nivel europeo. ”
No hay comentarios:
Publicar un comentario