Se hai un ano presentaban o anuncio de que ían sacar ao
mercado a primeira produción de tomate negro de Santiago, a iniciativa tivo tal
éxito que a Cooperativa do Campo Galego do Val prevé este ano duplicar a
produción. Segundo explican dende a entidade agraria, o ano pasado venderon
preto de 18.000 bandexas desta hortaliza (cada bandexa contén uns 650 gramos de
tomates), e este ano prevén roldar a comercialización de 34.000 bolsas.
A cooperativa iniciou este plan piloto en colaboración con
Costa Noroeste, e este é o terceiro verán que se desenvolve. A iniciativa
enmárcase no plan Novos Horizontes, financiados con fondos europeos e promovido
polo Ministerio de Agricultura. O primeiro ano non puideron comercializar a
produción debido a que se xeraron cantidades pequenas do produto que se
destinou a degustacións. O ano pasado a cooperativa presentou oficialmente a
iniciativa, aínda que o tempo irregular provocou que a campaña fose menor da
esperada. Esta edición a entidade espera duplicar a produción, non obstante
tiveron que atrasar o inicio das vendas, que se atrasará ata a semana que vén.
A entidade agrícola comercializa este tomate negro a través
do propio supermercado da cooperativa e dúas grandes plataformas, Alcampo e
Gadis.
Ademais, esta hortaliza, xunto co produto estrela da
cooperativa, o pemento do Couto, serán as protagonistas dunhas xornadas
gastronómicas sobre produtos locais organizadas conxuntamente polo Concello de
Narón e a cooperativa, que arrancarán cun encontro de bloggers gastronómicos
internacionais o día 6 de xullo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario