lunes, 15 de julio de 2013

Horsal e Hortumia demostran a calidade da súa horta

As dúas cooperativas da horta de Cambados, Horsal e Hortumia, organizaron onte unha xornada para poñer en valor os produtos da horta. Dar a coñecer a calidade dos seus cultivos e ensinar formas diferentes de cociñalos é o obxectivo desta iniciativa que xa se celebrou o pasado ano cun notable éxito de público. Dúas conferencias e unha exhibición de cociña protagonizaron o programa de actos desta edición.

O salón de congresos e exposicións de José Peña acolleu onte as dúas charlas, que versaron sobre o cooperativismo. Estaban destinadas a mostrar ao público en xeral o traballo do campo, co obxectivo de que moitos veciños poidan encontrar neste sector unha saída laboral. Unha tarefa na que as dúas cooperativas levan xa máis dun ano traballando, co fin de poder dispoñer de maior cantidade de produto para atender a todos os mercados.

A segunda parte desta xornada consistiu nunha exhibición de cociña a cargo e Avó Daporta, do restaurante do mesmo nome, e Antonio Botana, do Pandemonium. O primeiro deles preparou verduras en tempura, unha grellada de verduras e unha esferas de tomates. Botana, en cambio, optou por unha emulsión de pemento de Padrón con polbo e xamón e por unha crema de tomates verdes con bonito de Burela en sal. Ambos os dous cociñeiros destacaron a calidade dos produtos que se cultivan na horta do Salnés e animaron os consumidores a comprobar, antes de comprar, a orixe do que cociñan. Todos os presentes deron boa conta das porcións elaboradas por estes dous cociñeiros cambadeses.


No hay comentarios: