A Cámara de Comercio de
Tui forma parte desde hoxe da Rede Eusumo que promove a Consellería de Traballo
e Benestar para fomentar en Galicia o cooperativismo. A titular do departamento
autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe en Tui o convenio de colaboración con
esta entidade.
A conselleira resaltou que coa adhesión da Cámara de Tui a
esta rede xa son medio centenar as entidades da Comunidade que colaboran con
esta iniciativa, entre os que destacan concellos, deputacións, oficinas de
fomento cooperativo, asociacións, fundacións, organismos vinculados ao
emprendemento e universidades.
O departamento autonómico puxo en marcha en 2012 o proxecto
Eusumo como unha experiencia piloto e, tras o éxito acadado e fixar as súas
bases mediante un decreto, que supuxo a súa consolidación, o Goberno galego
está este ano a potencialo “de forma decidida”.
Mato resaltou que ata o momento 27 cooperativas teñen nacido
ao abeiro desta rede, o que posibilitou a creación de máis de 100 empregos
directos. “Esta rede constitúe unha ferramenta esencial para o desenvolvemento
presente e futuro da economía social en Galicia”, apuntou a conselleira, ao
tempo que sinalou a importancia de difundir esta fórmula empresarial. Afirmou,
neste senso, que está a demostrar nos últimos anos “unha extraordinaria”
resistencia fronte á crise económica e ten achegado novas posibilidades de
negocio e emprendemento, especialmente no eido social.
Engadiu, así mesmo, que o cooperativismo dá prioridade ás
persoas e ás súas necesidades por riba de calquera outra consideración e axuda
a conservar e crear postos de traballo, ao tempo que contribúe ao equilibrio
territorial.
Na actualidade, Galicia conta con preto de 1.200
cooperativas activas que agrupan a 90.000 socios. Só no ano 2012 creáronse 58
cooperativas na Comunidade autónoma e outras 33 nos primeiros meses deste ano.
Ademais da Rede Eusumo, Mato lembrou outras iniciativas
postas en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar para promover o cooperativismo
como é o programa Coopera Máis para articular medidas que contribúan ao fomento
e consolidación das cooperativas na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
En 2011, modificouse a Lei do Cooperativismo que estaba
vixente desde 1998, adaptándoa aos tempos actuais e tendo sempre como obxectivo
último facilitar e promover a creación de novas cooperativas.
E este ano crearase a Marca Coopera, un distintivo que contribuirá
a dar visibilidade a aquelas cooperativas que estean a realizar unha boa
xestión. Para este ano 2013, o departamento autonómico investirá máis de 4
millóns de euros á economía social , dos que 870.000 euros están destinados á
Rede Eusumo.
Escola infantil de Tui
Por outra banda, no eido social, a titular de Benestar
anunciou que a nova escola infantil de Tui da Galiña Azul abrirá as súas portas
en setembro, co novo curso escolar. Trátase do primeiro centro de educación
infantil público de Tui, que vai contar con 6 unidades e porá 82 prazas a
disposición dos veciños e veciñas da localidade pontevedresa.
O investimento para a construción e equipamento deste
servizo social ascendeu a 730.000 euros e ao seu mantemento anual vanse dedicar
430.000 euros. Mato destacou que a posta en marcha desta escola é unha proba
máis da aposta da Xunta pola conciliación laboral e familiar. Ao respecto,
asegurou que na pasada lexislatura puxéronse en marcha en Galicia 3.000 novas
prazas públicas de 0-3 anos, das que un 38 por cento corresponderon á provincia
de Pontevedra.
Anunciou, así mesmo, que na lexislatura actual está previsto
a creación doutras 3.500 novas prazas das que 2.100 xa están planificadas.
Destas 2.100 planificadas, máis de 630 prazas serán para a provincia
pontevedresa, e, polo tanto, empezarán a executarse este mesmo ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario