lunes, 15 de julio de 2013

A cooperativa da Rúa dá a probar o seu novo escumoso

Os máis de 200 amantes dos vehículos clásicos que participaron na concentración da Rúa tiveron o privilexio de ser os primeiros en degustar o escumoso que, con uvas da variedade godello, elabora a Adega Cooperativa Virxe das Viñas para comezar a conmemorar o seu medio século de vida, que cumpre en xullo de 2014.

Chegaron en Ferrari, Austin, Porsche ou Seat 1.500, así como noutros moitos modelos, incluídos as motos Montesa e un autobúsPegaso. Utilizaron 124 vehículos, que na súa maioría partiron doBierzo, Lemos, Ourense, Portugal ou Verín. Eles foron os afortunados que puideron saborear as primeiras botellas que abriu a adega. A expedición foi organizada polo Motor Club Rúa, que preside SantiagoÁlvarez Rodríguez, quen lamentou a pobre resposta dos valdeorreses afeccionados aos coches de época, que tamén os hai.

Durante a degustación, o enólogo da adega cooperativa, Julio Ricarte Mateu, resumiu os plans de Virxe das Viñas. Pasan por elaborar 1.004 botellas dun escumoso preparado coa única finalidade de celebrar o medio século de vida que cumprirá en xullo de 2014. Os 630 socios que continúan activos saborearán a gran maioría dun produto creado para premiar a súa fidelidade. Tamén estarán á venda, aínda que serán as menos, pois apenas alcanzarán os dous centenares. En todo caso, aínda hai que esperar a decembro para valorar se o resultado acompañou os esforzos da adega, pois ese mes foi o elixido para iniciar a súa distribución. A proba de onte foi forzada. Buscou premiar a visita dos vehículos clásicos, unha cita, que foi incluída no programa da XVI Feira do Viño de Valdeorras. 'Quixemos dalos a probar algo distinto', dixo Julio Ricarte.

O enólogo de Virxe das Viñas tamén explicou que o proceso de elaboración comezou en setembro de 2012, cunha fermentación natural sen azucre. Despois de fermentar nun depósito e do seu embotellado, o escumoso foi sometido á fase de asentado, un proceso no que continuará ata que os empregados volvan mover as botellas para o decantado. Posteriormente, chegará a súa distribución.

O escumoso de Virxe das Viñas aínda non ten nome. Aínda hai tempo para buscar a marca máis axeitada, aínda que na adega xa pensan que debe gardar relación co motivo do seu embotellado: o seu 50 aniversario.

fonte: La Región

No hay comentarios: