lunes, 1 de julio de 2013

O Consello Galego de Cooperativas premia unha iniciativa empresarial para vender faba de Lourenzá

A cooperativa lucense Val de Lourenzá será premiada no concurso ‘Iniciativas Cooperativas 2013’, enmarcado na celebración do Día do Cooperativismo Galego 2013, polo seu proxecto para a comercialización e produción da faba de Lourenzá en forma cooperativa.

Val de Lourenzá compartirá o premio coa empresa ourensá Proxecto Coop, cuxa idea consiste na creación dunha firma de servizos sociais a través da que se ofertan servizos básicos de atención destinados a persoas que non poidan valerse por si mesmas.

Os premios á Iniciativa Cooperativa 2013 teñen como finalidade estimular o lanzamento de proxectos empresariais constituídos baixo a fórmula cooperativa. O concurso de iniciativas ten un carácter anual e busca recoñecer o traballo de persoas e entidades neste eido co fin de procurar emprego estable ou poñer en valor os recursos naturais existentes para favorecer a economía social.

Os galardóns serán entregados este sábado, 6 de xullo, coincidindo coa celebración do Día do Cooperativismo Galego 2013 que terá lugar nas instalacións da Sociedade Cooperativa Feiraco en Pontemaceira, Ames (A Coruña).

O proxecto de Val de Lourenzá, aínda sen desenvolver, pasa por crear unha cooperativa de fabricantes da comarca da Mariña Central que permita comercializar a faba dos concellos produtores da zona a un prezo competitivo en consonancia coa súa calidade, recoñecida co selo de Indicación Xeográfica Protexida.

A forma de cooperativa garantirá un volume de produción óptimo para cubrir a demanda, ademais de beneficiar á apertura a novos mercados e o incremento de novas liñas de produtos de base leguminosa.

O cooperativismo na zona suporá unha importante oportunidade para os pequenos produtores da faba. A leguminosa de Lourenzá ten o seu mellor escaparate na celebración anual da Festa da Faba.

fonte: Novas Xunta de Galicia

No hay comentarios: