lunes, 1 de julio de 2013

A cooperativa viguesa ‘O Cable inglés’ recibirá un premio polo seu traballo de difusión dos valores cooperativos

A cooperativa viguesa ‘O Cable Inglés’ recibirá o premio aos ‘Valores Cooperativos 2013’ polo fomento da fórmula cooperativa para atender novas demandas sociais. Este galardón enmárcase dentro do certame anual dos Premios á Cooperación 2013, promovido polo Consello Galego de Cooperativas ao amparo da celebración do Día do Cooperativismo galego. Entregarase este sábado, 6 de xullo, coincidindo coa celebración desta efeméride, que terá lugar nas instalacións de Feiraco en Pontemaceira, Ames (A Coruña).

Os premios anuais ao cooperativismo pretenden fomentar o asentamento da cultura cooperativa en Galicia e recoñecen publicamente o traballo, a innovación e o espírito de cooperación que se leva a cabo en diferentes ámbitos da economía rexional. O certame premia o traballo de persoas e entidades no eido do cooperativismo co fin de procurar emprego estable ou poñer en valor os recursos naturais existentes para favorecer a economía social.

Esta empresa, creada en 2010, naceu coa idea de dar unha resposta integral ás demandas culturais propoñendo solucións culturais a medida, integrando os servizos necesarios para cada experiencia, como exposicións, xornadas ou festivais de música. Está composta por catro socios e ofrece apoio para a xestión, produción, comunicación e deseño de proxectos culturais.

Baixo a fórmula de traballo asociado, dáse resposta a demandas concretas en fotografía, ilustración, animación, son, artes escénicas, pedagoxía, tradución ou interpretación, posibilitando un amplo catálogo de servizos que poden ser contratados de xeito integral ou individualizado polo cliente.

O Cable Inglés está a traballar en varios proxectos de índole cultural, como o Tira do Cable, que pretende xuntar historias, anécdotas, experiencias, documentos, fotografías e filmacións da presenza desta empresa en Vigo e Galicia. O resultado deste traballo conformará unha exposición no Museo do Mar da cidade olívica.

Ademais, está a traballar no festival Émundial, que terá lugar en Vigo en colaboración co Art Institute de Nova York, e que promove a cultura de lingua portuguesa no estranxeiro. Tamén colaborará co Instituto Camoes, a casa Galega da Cultura, a Casa das Artes, a Biblioteca Central, o Museo de arte Contemporáneo e o Centro Municipal de Formación de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, para converter esta cidade nun referente cultural.

No desenvolvemento dos seus proxectos, os socios vinculan o seu traballo á defensa da lingua e cultura propias, buscando contribuír a fortalecer o patrimonio cultural galego, dentro e fóra de Galicia, promovendo o uso desta lingua e fomentado actividades que descubran e potencien a cultura.

A cidade viguesa conta con preto de 120 empresas cooperativas, mentres que a provincia de Pontevedra suma un total de 324.

No hay comentarios: