As adegas do Salnés, instalacións punteiras en I+D+i a
nivel internacional.
A subzona produtora do Salnés é unha potencia vitivinícola non só polo seu abafador dominio en canto a produción no seo da Denominación de Orixe Rías Baixas, senón tamén polas potencialidades que atesouran as súas adegas no ámbito do I+D+i. Neste sentido, o último éxito radica na concesión do premio Eganet'12 ao Proxecto LIFE + Viñas Atlánticas, impulsado pola Deputación e avalado por firmas de renome como as cooperativas Martín Códax, Condes de Albarei e Paco & Lola.
É un premio concedido pola asociación de empresas galegas Eganetpara fomentar o desenvolvemento de software e de servizos TIC na comunidade autónoma. Trátase, polo tanto, dun recoñecemento á aposta do sector vitivinícola arousano pola sociedade da información e as telecomunicacións, polas novas tecnoloxías e, en definitiva, pola aplicación do progreso, a investigación e o desenvolvemento ás máis ancestrais técnicas de produción de caldos como o albariño.
Hai que destacar, e así fano na Deputación, que o proxecto Viñas Atlánticas "é o primeiro proxecto de viticultura intelixente en España que cobre todos os ciclos, e ten como obxectivo o desenvolvemento dun Sistema de Xestión Ambiental sostible e produtivo para os viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas que predí con anticipación a aparición da mera".
Esta acción, como se detallou noutras ocasións anteriores, incorpora "unha rede meteorolóxica, formada por estacións meteorolóxicas e unha rede sensorial inarámica de última xeración, que á súa vez está composta por puntos de medida e equipos concentradores comunicados mediante o protocolo Zigbee".
Deste modo envíase a información á Deputación "empregando a tecnoloxía Wimax da rede Repoblar", despregada polo propio ente provincial.
Paralelamente, Viñas Atlánticas achega "un modelo matemático propio de análise do ciclo biolóxico do fungo mera", ademais de "unha plataforma web de xestión que integra toda a información recollida coa rede meteorolóxica e co modelo matemático para medir o nivel de risco do fungo mera, ademais de permitir aos viticultores ter todos os datos da campaña nun libro de explotación en formato dixital".
O resultado do proxecto, destacan na Deputación Provincial dePontevedra "é un Sistema Integrado de Xestión de viticultura, onde aos medios tradicionais de facer viticultura no Salnés se unen o emprego das novas tecnoloxías para mellorar a capacidade de xestión, comunicación e información, conseguindo unha mellora na sostibilidade ambiental e económica dun sector tan importante para Galicia como é o vitivinícola,".
No hay comentarios:
Publicar un comentario